Os defuntos falaban castelao

Ficha técnica e artística

  • Título orixinal: Os defuntos falaban castelao
  • Tipo: animación. Xénero: comedia
  • Ano: 2000. Duración: 10'
  • Orixe: Galicia. Idioma V.O.: galego
  • Dirección: Tomás Conde / Virginia Curiá
  • Dirección artística: Vicente Roura
  • Guión: Daniel Domínguez (a partir dun relato de Ánxel Fole)
  • Música: Gastón Rodríguez
  • Produción: Algarabía Animación / Lúa Films / TVG

Os defuntos falaban castelao é unha curtametraxe de animación baseada nun relato de Ánxel Fole, do libro Á lus do candil. Esta comedia, dirixida por Tomás Conde e Virginia Curiá, foi realizada por Algarabía Animación e Lúa Films, co patrocinio da Xunta de Galicia, no ano 2000.

O argumento é ben sinxelo. Nunha vila galega, durante a noite previa ao día de defuntos, unha rapaza marcha da casa dos tíos, cos que vivía, para casar co seu mozo, un señorito. Quedan para iso no camposanto, onde se prometen amor eterno. Xustamente, esa mesma noite algúns veciños escoitan unhas voces moi misteriosas que falan en castelán no cemiterio.

A curta colleitou importantes recoñecementos, entre eles a Mención de honor no Festival Internacional de cine inédito de Islantilla (2001), o Premio Chano Piñeiro 2001 á mellor produción animada e ao mellor son ou a Mención especial no VI Festival La Fila de Cortometrajes de Valladolid. Unha das razóns deste éxito é que o filme aproveita, con humor, os malentendidos produto do medo para amosar a situación sociolingüística de Galicia medio século atrás.

A ese respecto, é significativo que sexa don Tristán, o mozo de clase alta e “de fóra”, o único que fale castelán, mentres que toda a xente popular (chofer, cazador, taberneiros, etc.), e mesmo os tíos enriquecidos, empregan o galego. María, a moza, cambia de lingua ao dirixirse a Tristán. Para outorgarlle maior significación a esas actitudes, preséntase como aterrador que os defuntos, os antepasados, falen castelán e que se un morre pase a falar a outra lingua.

Comment Stream

2 years ago
0

Sobra o medo, pois :)