Letras de cancións de autor/a

TAREFA. Realizaremos un intercambio, a modo de foro de debate, sobre a recepción de cancións de actualidade, propostas a seguir.

ENTREGA. Considérase realizada coa participación no espazo de debate.

CRITERIOS básicos de avaliación

1. Intervén e interactúa con criterio nos distintos temas de debate abertos.

  • Excelente: de xeito sistemático e expresando ao xeito a súa opinión. 5 p.
  • Ben: en todos os temas, con ideas propias abondo claras e precisas. 3'75 p.
  • Regularciño: na maioría dos temas / con bastantes tópicos. 2'5 p.
  • Deficiente: só nalgúns temas / con ideas imprecisas ou confusas. 1'25 p.
  • Non realizado. 0 p.

2. Sabe valorar as letras das cancións propostas.

  • Excelente: desenvolve argumentos de acordo cos datos que se achegan. 5 p.
  • Ben: emprega argumentos válidos, pero bastante inconexos. 3'75 p.
  • Regularciño: argumenta só nalgúns casos. 2'5 p.
  • Deficiente: valora sen achegar argumentos. 1'25 p.
  • Non realizado. 0 p.

1. Escolma. Fíxate nas letras destes seis temas.

NOS CAMIÑOS DA VIDA, PENSEI QUE TE PERDÍAS,
NOS CAMIÑOS DA NOITE, PENSEI QUE MORRÍAS.
E AGORA EMPEZO A VERTE,
ESCAPAS ENTRE A XENTE,
COS VERSOS DA FOGUEIRA,
QUE QUEIMACHES PRA PERDERTE.

E AS PALABRAS, E AS VOCES,
QUE ATACHES Á OUTRA BEIRA CON CADEAS DA TÚA PEL.
ERAS O SON DA LAREIRA
A CALOR DO MENCER,
ERAS AS PONTES DO CEO,
QUE DEIXACHES DE TECER.

COMO NUNHA NOVELA, DESPOIS DE MEDIANOITE
AGÁRDAME SETEMBRO, MEU SALVAXE COMPAÑEIRO,
ERA O AMOR TAN CEGO,
QUE CONVIVÍA A BERROS,
E ESTOUPABA ENTRE A PAREDE E OS DESEXOS.

E AS PALABRAS...
PRA BAIXAR AO INFERNO,
E DEIXAR DE CORRER,
DESCANSAR DAQUELES GOLPES

QUE NON TIÑAN UN POR QUÉ.

Se non carga o vídeo, podes acceder á letra aquí.

Acceso á letra tamén aquí.

Vai pasando o tempo, cada noite sigo esperto, entre liñas, entre rimas, en continuo movemento, como as horas que se van e sobran argumentos para seguir correndo deste mundo de cemento, onde todo o que soño, onde todo no que penso, onde todo o que compoño se converte en pesadelo. Inconforme co que son, ninguén que me soporte, tampouco demostrei que haxa algo que me importe. De verdade o recoñezo -non teño perdón- e acudo cada día a escribir outra canción que me mostre unha saída -saír desta prisión- escaparme do tormento, da tormenta desta dor.

Cando falo non escoito, cando escoito non me calo, vivindo no presente, pensando no pasado. Cando falo non escoito, cando escoito non me calo, porque digo o que penso, porque penso demasiado.

Case sempre meto a pata, perdido entre palabras, que quixeran ser sinceras e non serven para nada. Boto en falta o silencio, a luz dunha mirada. Debaixo deste foco non recordo a miña cara, vexo un vello nun espello, pero non me recoñezo no reflexo que me di que xa non son un neno. O dano xa está feito, o corpo está desfeito, na noite son ledicia e no día son inverno. Durmir todo trastorno -nocturno-, non teño rumbo, as noites son fugaces e non duran un segundo. O flexo segue aceso mentres vai saíndo o sol, que me lembra que me deite, outra noite que pasou.

Es o sol, cégame
Xa non quero volver ver
Son un flan, aplástame
Tenta poñer interese
Faime mal, inféctame

Ven bailar, es a miña «toxic girl»

Es o mar, afógame
Aquí no fondo estase ben
Son un can, e átame
E hoxe teño ganas de roer
Faime mal, inféctame
Dáme máis, enférmame

Ven bailar, es a miña «toxic girl»

Abrimos camiños, buscamos destinos,
queremos sentirnos por sempre na festa da vida.
Comemos o tempo no primeiro intento,
bebemos o vento que sopra e nos leva lonxe.
Suamos a eito, rompemos o peito,
bailamos sen fin, que sabemos que a vida non é para sempre.
É curtiña, e éche o que hai.
Batemos o coiro de noite e de día,
tiramos para adiante con toda a enerxía do mundo.
Non valen escusas para estar parados,
o corpo adoece de miles de entroidos e apertas.
E temos amores, e temos amigos,
e temos cantigas e historias que soan a anacos de vida.
Así estamos, e así está ben.
OOOH… QUE QUEDA MOITA FESTA,
OOOH… E MOITO QUE BAILAR.
OOOH…TEMOS MOI POUCO TEMPO
OOOH… PRA GASTALO EN CHORAR.
Cruzamos as vidas, tomamos medidas,
soñamos a terra que temos, que latexa forte.
Estamos lanzados, mandamos recados
á xente que estivo, que está, e que fai que saibamos
que temos amores, e temos amigos,
e temos cantigas e historias que soan a anacos de vida.
Así estamos, e así está ben.
OOOH… QUE QUEDA MOITA FESTA…
E se algún día algún mal vento nos trae unha negra sombra,
sopramos nós aínda máis forte para facela marchar.
E os esconxuros e os meigallos están todos conxurados.

Non temos tempo nen motivos para deixar de voar.

2. Que entendemos por poesía. Reflexiona.

Sabemos que a poesía nace como canción e que non pode ser reducida á publicación de versos en libro. Vexamos algúns intentos definila:

  • A poesía é a arte de comunicar a emoción humana polo verbo musical (R. Waltz)
  • A poesía fai falar o silencio por un intre (Ánxeles Penas)
  • Poesía é só un modo peculiar de ver e sentir as cousas, expresado en palabras (Carlos Felipe Moisés)
  • A poesía é a capacidade de observación e de descubrimento (Klaus Groh)
  • A poesía é a síntese de todas as potencias creadoras do ser humano (Huidobro)
  • Xénero literario que se caracteriza polo particular coidado na elección de sons, palabras e imaxes, e sobre todo por un ton especial de elevación que dá relevo aos temas (Dicionario RAG)

3. Presenza da expresión poética. Rodeados de poesía?

No día a día podemos ler e escoitar, ademais de cancións, expresións con valor estético, como:

-Xogos con mans, como o que di "Sabeliña pequeniña, / a de ouro, a de prata. / Rei de mouros, cabalo sen patas. / Na horta de María Inés, / corre ti que che toca outra vez."

-Pensamentos anotados en cadernos, cartafoles, muros ou redes sociais. Por exemplo: "Se atopas un camiño sen atrancos, é posible que non te leve a ningún lado."

-Mensaxes de felicitación nos nosos dispositivos, moitas delas reproducindo faseoloxía popular, como "Un ano máis, un ano menos, o importante é que o gocemos".

-Anuncios publicitarios: "Perda peso sen que lle pese", "Acabaron as vacacións, pero volven os ofertóns"...

-Lemas e carteis de manifestacións ou cánticos deportivos: "Estas son, aquí están, / as tropas de Breogán. / Hala Celta, oeee. / Hala Celta, oeee."

-Etcétera.

?? Serán poesía ou só coinciden con ela no coidado da expresión?

+ Recursos para expresar a opinión