Obradoiro poético

TAREFA. Despois da práctica previa cunha coa poesía social, terás que crear agora un poema intimista. Escolle unha das propostas de abaixo e escribe o teu texto, paso a paso, nunha páxina nova. Será o inicio da túa produción final da secuencia.

ENTREGA. Publicación dunha páxina (non privada) cun título e coa recreación. Podes operar así: crea unha páxina, copia a proposta de creación elixida, pégaa nun bloque de texto e vai resolvendo paso a paso.

CRITERIOS básicos de avaliación

1. Sigue unha das propostas de creación e escribe un poema con intención estética.

  • Excelente: constrúe paso a paso e usa recursos con valor. 5 p.
  • Ben: segue todos os pasos e crea mecanicamente os recursos. 3'75 p.
  • Regularciño: atende os pasos só en parte e os recursos con pouco acerto. 2'5 p.
  • Deficiente: non segue todos os pasos e crea só algún recurso. 1'25 p.
  • Non realizado. 0 p.

2. Consegue elaborar un poema propio e preséntao axeitadamente.

  • Excelente: 5 p. Ben: 3'75 p. Regularciño: 2'5 p. Deficiente: 1'25 p. Non: 0 p.

1. Opción A: intimismo amoroso.

1. Para crear un poema co tema da dor do abandono ou perda do amor, como en Como hei vivir mañá sen a luz túa?, partirás dunha antítese no primeiro verso. Pensa en dúas realidades contrarias (tipo: luz / tebra, día / noite, choro / canto) e expresa unha delas como estado positivo (adxectivo ou participio) e a outra como acción negativa (verbo). Por exemplo: iluminado escurecín.

2. Fíxate no poema de Bernardino Graña e poderás decatarte de que os versos centrais, que recollen a vivencia amorosa, conteñen palabras relacionadas coa tenrura: materno, aloumiño, bico, lingua, corazón, dozura... Pola contra, nos versos do abandono predominan as suxestións de sufrimento: frías, podre, agonía, pinchar, pugas, agullas. Fai a túa propia dobre listaxe de termos de amor e de desamor, incluíndo substantivos, adxectivos e verbos. Completa:

Amor (tenrura): aperta..., suave..., bicar...

Desamor (sufrimento): desamparo..., rabuñado..., golpear...

3. Crea o retrouso do poema en forma de pregunta breve iniciada por Como que exprese a aflición e angustia ante un futuro (o mañá) sen a persoa amada. Debe rematar cun posesivo creando hipérbato. Por ex.: Como me hei deitar mañá sen a calor túa?

4. Compón xa a túa poesía, coa antítese inicial para amosar o choque emocional ante o abandono, con varios versos a seguir que rememoren o goce do amor (empregando os termos da tenrura), o retrouso despois, unha estrofiña coa perda súbita (vocabulario do sufrimento, que pode comezar con Mais agora) e o retrouso de novo. Un exemplo:

Aínda iluminado escurecín na porta                       ANTÍTESE INICIAL
coa túa aperta nítida nas costas.
Hai mornura aínda nos meus labios,                      REMEMORACIÓN DO AMOR
unha suave chamada que ecoa
e estás cuarto e pálpebras adentro.

Como me hei deitar mañá sen a calor túa?         RETROUSO

Mais agora o silencio golpéame
implacábel e fende as lembranzas.
Hai só letras afiadas, cristais rotos,                      DOR POLO ABANDONO
a respiración rabuñada que aflixe
e un desamparo que me engule.

Como me hei deitar mañá sen a calor túa?        RETROUSO

2. Opción B: intimismo reflexivo ou dorido.

1. Proponse crear un poema sobre a angustia, como o coñecido como Negra sombra, pero partindo de elementos auditivos (non visuais) nun contorno urbano (non da natureza). Para iso, primeiro centra unha obsesión, algo que te preocupe ou pode preocupar moito: a morte, o fracaso, a burla... Pero ese medo non pode explicitarse, terá que amosarse simbolicamente. Así, se para Rosalía a angustia ante a ameaza é unha negra sombra, ti debes buscar un son que represente a túa obsesión, acompañado dun adxectivo que o reforce. Por ex.:

A destrución -> estrepitoso estrondo (ou vibrante badalada ou...)

2. Escolle diversos elementos do ámbito urbano que se poidan escoitar (que emitan algún son), que logo empregarás para situar a túa obsesión. Terán que ser realidades opostas en intensidade ao teu son. Por exemplo, para estrepitoso estrondo: timbre, piano, alerta do móbil...

3. Personifica o son, asígnalle accións cotiás de seres animados, xogando cos contrarios, de xeito que poidamos crear logo antíteses. Así:

estrepitoso estrondo -> corre, descansa; apreta, solta; etc.

4. Sigue a estrutura do texto de Rosalía para crear un ritmo marcado, de obsesión, baseado no paralelismo con anáfora. Podes manter todas as palabras que non sexan substantivos e verbos. Integra, claro, os pasos anteriores. No exemplo:

Cando sinto que hai calma,
estrepitoso estrondo que me abouras,
no sofá da miña casa
xordes invadíndoo todo.
Cando pareces perdido,
no mesmo silencio apareces,
e es a alerta do móbil,
e es o timbre da porta.
Se corren, es ti que corres;
se descansan, es ti que descansas;
e es o piano da veciña,
e es o lavalouzas e es o forno.
En todo estás e ti es todo
para min e en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
estrepitoso estrondo que me abouras.

+ Recursos poéticos (para repasar, se o precisas).

+ Dicionarios na rede